top of page

As mulleres coidamos do mundo, das criaturas que nel nacen, crecen, fanse adultas, envellecen; das que enferman. Coidamos dos espazos, dos fogares, das emocións, do planeta. Coidamos e, polo camiño, esquecémonos de coidar o que protexemos con mimo noutras persoas: a saúde, a serenidade, o tempo para gozar, o corpo, a mente. Coidamos a destro e sinistro e descoidámonos sistemáticamenche. Polo tanto, vemos imprescindible desgranar os roles e espazos nos que a sociedade leva séculos colocando ás mulleres.

 

A postergación dos intereses das mulleres en aras do benestar das persoas que as rodean é un dos grandes mandatos patriarcais asociados ao seu rol: o sacrificio e a abnegación femininas enxalzados dende hai séculos e calquera rastro de priorización de si mesmas demonizado baixo a etiqueta de egoísmo, seguen sendo unha norma. o sistema patriarcal ensínanos a desvalorizarnos e desprezarnos mediante mensaxes interiores e exteriores omnipresentes e incesantes. Unha das críticas máis habituais coas que o sistema patriarcal sinala ás mulleres que non se adaptan ás normas das boas nais, esposas, amas de casa abnegadas e sacrificadas é o de ser « descoidadas». Tamén se tacha ás mulleres de «descoidadas» cando non se axustan paso por paso aos canons que a estética dos tempos esixe para elas.

MORGANA redes.png

Por outra banda, moito se di sobre o avance que as mulleres conquistamos en materia de igualdade, pero pouco se fala do que aínda continúa pendente e de como eses avances son relativos a quen os mira e desde onde. Dinnos ás mulleres que debemos pelexar, denunciar e saír adiante. Mentres, as institucións e os homes que viven con nós, que nos rodean diariamente, que nos xulgan, que nos matan, que nos someten e nos asoballan nos nosos dereitos, non parecen asumir a reponsabilidade que teñen neste cambio.

 

Baixo estas premisas, non se logrou que os homes se involucren e saian masivamente a pelexar polo noso dereito para decidir sobre o propio corpo, nin que se escoiten as súas voces para que deixen de matar mulleres polo só feito de selo. Atopámonos nunha sociedade que en termos de discurso móstrase máis igualitaria en asuntos de xénero, pero que no que refire a prácticas, dista moito de selo.

É de carácter urxente contar con políticas públicas que impulsen a discusión de xénero desde os primeiros anos de vida das persoas. Isto debe acompañarse da vontade política de renunciar a certos privilexios, por iso, tal como sinalan, o desafío é permanente e doloroso.

As investigacións e intervencións dirixidas a previr a violencia machista e a promover a igualdade contemplaron, de maneira predominante, accións e medidas que teñen como destinatarias ás mulleres. Queda relegada, na maioría das ocasións, a reflexión acerca de quen identifico como os agresores, victimarios ou ( re)produtores directos deste sistema sexista, os homes. Nese sentido, vivimos nunha sociedade onde o androcentrismo permea cada área da vida social, onde as relacións de poder asimétricas garanten a posición social dominante dos homes e a subordinada das mulleres e outros xéneros. Por iso consideramos que existe a necesidade de poñer o foco neles, de traballar tamén cos ( re)produtores da violencia cotiá, quen —de maneira directa ou indirecta— son cómplices e produtores dun sistema machista e patriarcal.

 

Tendo esta realidade en conta, púxose en marcha o programa Morgana na cidade de Ourense, coa financiación da Secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia e do Pacto de Estado entre setembro e novembro do 2021. Pretendeu ser unha proposta que traballase sobre outras maneiras de ser homes e os modos como se constrúe a masculinidade dominante para desarticulala. 

En 2024 co apoio da Deputación provincial de Ourense o programa enfocase a unha rede de apoio mutuo entre mulleres presas, incluíndo atención psicosocial e acompañamento do voluntariado da entidade.

Durante o percorrido do proxecto tamén se desenvolveron distintas xornadas abertas a poboación, formación para o voluntariado e para as mulleres presas participantes.

  • Facebook Clean
  • LinkedIn Clean

© 2023 por Pisos Perfectos. Creado con Wix.com

bottom of page